Galán: a manufactura mítica. Manuel Rivas
Pepegalán é o nome que recibe un xeito especial de facer enxertos de maxín humano na natureza. Á súa vez, o nome procede dun lendario experto neste mester de enxertos artísticos que viviu na Galiza de acabalo dos séculos XX e XXI, na chamada Idade dos Combustíbeis Fósiles, na cidade portuaria da Coruña, antes de que a Gran Chea do Océano a devolvera á condición de illa do Far.
De Pepe Galán, da súa vida, sabemos que era un home libre, que mantiña o seu propio obradoiro, e que foi xeneroso e valente cando cumpría. Xustamente existe testemuña da súa presenza, en vellas fotografías analóxicas ou virtuais, tomando parte en denuncias contra os crimes ecolóxicos ocorridos naquel tempo e que deron lugar á crise medioambiental que afectou a todo o planeta e puxo en perigo a propia existencia dos animais humanos e non humanos.
Á vista do ocorrido coa obra de Galán, poderíamos dicir que a arte protexe aos seus, sobre todo naqueles nos que se dá unha pescuda auténtica, que refuga as modalidades de copia ou á reprodución decorativa, e que se entrega á empatía, á creación de variedades, formas, metamorfoses, fecundacións e a serie de combinacións alélicas.
Así nos atopamos con que a obra de Galán non foi, senón que é.
Non se deixa mirar, non se deixa posuír. Ou non lle abonda con ser mirada. Apreixa a ollada de quen olla para liberar significado ao tempo que libera a quen a olla. Sitúanos no espazo dun feitizo desacougante. Alén das aduanas, das estacións, dos peiraos. Nun territorio onde o goce é risco, onde os enxertos reviritan rabuñan, e os metais loitan coa vontade dos vexetais límites polo dereito a ter unha forma. Unha face coa que encarar a tempestade.
Si, a natureza berra en Galán o seu morse de silencios. Atopou no seu obradoiro unha factoría de subversión. A singularidade desta representación é que non é unha manifestación máis ou menos previsíbel senón o resultado dunha comunicación conflitiva, dun combate fértil. A metamorfose é catártica. Ese xeito de produción fai que toda a manufactura de Galán, mesmo a de aparencia máis “prosaica”, teña esa áurea do mítico.
En suma, tanto no mester de vivir como no crear, o lendario Pepe Galán foi algo máis que un loitador da arte da biodiversidade contra a bioperversidade. Mesmo cando florecen as ferruxes en cores de begonia, semellando que el anda por alí, cos petos cheos do pole que desprenden os guindastres e unha maleta chea de terra de Betanzos e sementes de letra Set.
Manuel Rivas.
Catálogo, De onte para mañá, 2010. (galego,español,english).
Vídeos expostos; Movemento-traxectória. Transferencia-desprazamento
Vídeo sobre a exposición, De onte para mañá. [nggallery id=4]
Reportaxe. TVG. Pepe Galán no Zig Zag