Pepe Galán no Marcos Valcárcel, Ourense. Daniel L. Abel, 2018.

Texto de Daniel L. Abel para "A volta dunha ausencia" no Marcos Valcárcel de Ourense.

Despois da súa gran retrospectiva no Kiosco Alfonsdo da Coruña, en 2010. Pepe Galán (A Coruña, 1955) optou por facer unha parada técnica. Deixou de producir obra. Durante un tempo desprazou o seu traballo fora do campo estrictamente artístico, nunha especie de autoexilio sen viaxe de ida. O proxecto A volta dunha ausencia, que conclue en Ourense o seu percorrido por diferentes lugares de Galicia, é un convite xeneroso a ver os primeiros artefactos que xorden do seu obradoiro tras varios anos de relativo afastamento. Unha paréntese na que o artista non deixou de aprender e de argallar, como xa fixera con Burla Negra e Nunca Máis trala ferida aínda supurante do Prestige, accións artísticas populares». Probas de compromiso como a iniciativa Carga de Dignidade, unha sorte de escultura social realizada no 2013 en colaboración coa cidadanía ferrolá na reixa de Navantia.

Pepe Galán fai pública de novo súa fonda procupación polos temas que afectan ás sociedades actuais. Son case corenta anos poñendo a proba combinacións materiais e conceptuais non sempre congruentes. Unha busca obstinada de inéditas formas e texturas que interpelen a nosa tensa relación co mundo. Ese exercicio de responsabilidade destílasae na súa escultura a través da formulación do encontro entre o baleiro e o cheo, o aberto e o pechado, memoria e a historia. Frecuencias de intensidade variable que lembran a conexión íntima entre o cultural e o xeográfico.

Un xogo de complexas harmonías confronta o aceiro cortén das pezas dos anos noventa e primeiros dous mil cos seus experimentos máis recentes: cartón, licra, arame e vídeo documental. Os procesos antes industriais fanse agora translúcidos, lixeiros e minuciosos. Delicados bodegóns dispostos no que o artista chama unha «mesa Da Vinci» e que, coa súa serie Angurias (2018), chaman a feminizar as referencias: desviar a atención dos pesos pesados da escultura e responder coa continxencia.

En contra dunha arte limitada ao trascendental e dunha estética da amnesia e a desmemoria. Galán practica unha estatuaria ritual, temporal, concibida tendo en conta a súa caducidade e a súa independencia co que foron e o que serán cada unha das súas pezas. A memoria individual ten dereito a fallar, por iso ás persoas nos bailan ás veces as datas. Pero a memoria colectiva é unha construcción común na que interveñen, ademais de homes e mulleres, as condicións ambientais e a súa falta de clemencia. A historia e os acontecementos sediméntase nos materiais, nas rúas das cidades tanto como nas pedras e nos fondos mariños. A arte, como o mar, é un espazo que se move, no que nos movemos, non sen dificultades, e que nos move. Mobilizarnos máis aló da tentación de permanecer alleos e contemplando – sen mollarnos – o tempo que nos tocou vivir.

Por iso, tamén, ese exercicio de transparencia. A exposición dos ciclos creativos nos que se suceden fases de reflexión pausada, concepción, prototipaxe, modelado, fundición, solidificación, carga, descarga, transformación, montaxe, recepción, desmontaxe, reciclaxe (non sempre nesta orde) e que resume a mítica dos e das artistas, o día a día do seu traballo. Sempre na busca dunha reconciliación coa súa meneira de significar a Historia. Pepe Galán dialoga co seu propio pasado para contestualizar o común do noso presente: construíndo, nas súas palabras, «un territorio conceptual e físico conectado, como unha bola de fíos coas puntas imantadas».

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Botón volver arriba