Lume e ferro de Pepe Galán. Ánxeles Penas.
O patio da Fundación Luis Seoane é o lugar elexido polo artista coruñés Pepe Galán para a instalación da súa obra monumental “Lume e ferro: a producción queimada”. Trátase dunha escultura collage na que artella e amorea pezas doutras obras súas arredor dun alto eixo central, que tanto pode lembrar o mastro dun barco coma a chimenea dunha fábrica.
O conxunto faille un chisco ás lumeiradas da praia de Riazor polo San Xoán, tanto polo sistema aleatorio de apilado de materiais, como polo que teñen de esconxuro de meigallos; pero pode significar tamén a proba de paso de quen decide queimar os refugallos do seu pasado, o que, neste caso, ten que ver con un xeito de facer escultura de ferro pesada e de gran tamaño; así que sometela ao lume ven a ser como queimar a grandilocuencia.
Tamén pode lerse como unha advertencia da deconstrucción estructural das nosas sociedades e da perda de harmonía deste tempo de desfeita en que vivimos; fala tamén, polo tanto, de inestabilidade e desequilibrio; mesmo, nun entorno de arquitectura noble como a da Fundación, da pé para pensar dun xeito crítico en certa arquitectura que está agora no candieiro e que ten sustituído o equilibrio clásico por un barroquismo gratuito.
A forma de amoreamento, un tanto piramidal, que remata nun alto vértice central que apunta cara o ceo, parece facerlle acenos tamén a aquela perfección “exipcia” que hoxe non pode ser acadada. De cando en vez, con periodicidade reglada, do ventre da peza sae fume branco e, cando cae o escuro, unhas luces vermellas alumean o conxunto; de maneira que podemos ver a presenza dos catro elementos: a terra, no granítico chan da Fundación; o lume, na fundición do ferro e na chama que agora o aluma; a auga, na chuvia que cae no patio e na oxidación que corroe o metal; e o aire, na branca fumata que se ergue lixeira polo espazo.
Hai, pois, unha certa alquimia da materia, aínda imperfecta e caótica e a escultura pode ser vista como un transitorio atanor, no que se purifican os residuos.
Curiosamente –aínda que non sabemos si Pepe Galán o pensou así– podemos ver as tres fases da transmutación da que falaban os vellos alquimistas: nigredo (o escuro amoreamento das pezas), albedo (o fume branco) e rubedo (a luz encarnada) Daniel L. Abel califica a esta obra de (anti)monumento, pois non vai adicado a ninguén, nin está feito para perdurar, senon para falar da transitoriedade como ven sendo habitual no escultor coruñés..
A instalación “Lume e ferro” forma parte da exposición itinerante “ A volta dunha ausencia”, que levará a diversos espazos de Galicia a obra mais representativa da súa longa traxectoria ; composta por oito esculturas de diferentes etapas, como a de “Fendas e áncoras no vento”, “ Mayday” e outras, predica da dialéctica dos contrastes que opón pesado e lixeiro, luz e sombra, continuo e discontinuo, baleiro e cheo…, xenerando de paso un dinamismo aberto a infinitas posiblidades… Fotos, Xoán Piñón.
Ideal Gallego, 17 de junio de 2018.
Vídeo, proceso de construcion e instalación da obra, no patio da FLS, Lume e ferro, a produción queimada, 2018.
Video, Lume e ferro, maqueta. 2017
Reportaxe. TVG Zig Zag, Lume e ferro, a produción queimada: unha inistalación de Pepe Galán, 2018.
Catálogo parcial (galego), Lume e ferro, a produción queimada, 2018.