Galego

Pepe Galán nado en A Coruña en 1955.

Unha especial atención pola pintura marca o principio da súa traxectoria, experimentando con outros soportes como a serigrafía, o gravado, fotografía e o vídeo, medios que son compartidos coas diversas técnicas aplicadas ao seu traballo escultórico.

Concorre en Feiras e exposicións nacionais e internacionais. Europa suponlle un importante contacto coas diferentes opcións artísticas, históricas e contemporáneas.

Partícipe e cofundador respectivamente de “ A Galga” e “Gruporzán”.
Representante da xeración que se dá a coñecer na década dos oitenta, tras comeza-la súa experimentación plástica na inmediatamente anterior.

Os seus inicios inscríbense en linguaxes figurativas que rapidamente dan paso a procesos de abstracción, a súa vez evolucionados, até alcanzar graos de conceptualización, afondando e decantándose por unha idea aglutinadora dos medios de expresión, cada vez máis achegados ao escultórico.

Galán irá creando unha obra que transita por distintas etapas: primeiro o tecido e volume, logo o metal, e máis tarde, materiais translucidos como, plástico ou cristal.

Rematando os setenta e a comezos dos oitenta, vive unha época de busca e inquedanza. Trasládase do seu estudo de Meirás a traballar temporalmente, a un edificio reutilizado para obradoiros “cedido” pola Delegación do Ministerio de Cultura na Coruña, e que comparte con asociacións culturais, actores, músicos e artistas plásticos, feito que reflicte un tempo de grande vitalidade artística na cidade, ao que contribúe a Comisión de Urbanismo do Concello, encargándolle os bosquexos e dirección artística para un dos proxectos de decoración de medianeiras. Neste estudo, entre óleos e acrílicos, nacen as primeiras obras bidimensionais realizadas en grande formato, que máis tarde, viaxarían a súa primeira exposición en Francia.

Desprázase unha tempada a Londres coa intención de coñecer novos museos e as diferentes correntes artísticas, ao tempo que prepara os bosquexos da obra sobre papel, sendo esta, parte da exposición que ía exhibir na Galaría Finis-Terrae, na que mostrará as primeiras pezas escultóricas.

A partir do ano 1984, o lenzo definitivamente expándese e transgride os seus límites creando deste xeito, unha espacialidade envolta, partindo de materiais industriais (tubo de plástico flexible ou pintura de poliéster…) aplicando tamén, a cor en forma de luz proxectada sobre algunhas das pezas monocromas, experiencias que son traducidas na serie “Tecido e tensión”.

Seguindo este rego, nace “ferroetecido”, e o lenzo expandido agora repregase, compartindo co ferro dialogando entre contrarios como brando-duro, claro-escuro, nun proceso que determina o seu paso a tridimensionalidade.

Nos noventa, despois da serie “o dentro pechado”, desaparece o lenzo e a súa obra céntrase en investigacións que viña realizando sobre o metal, como é o caso de “fendas e ancoras no vento”, incorporando a finais desta década, intervencións con aceiro pulverizado sobre soporte transparente.

Realiza murais e esculturas de grande formato en aceiro cortén para espazos públicos, como son, “Ferroetecido en liña curva” no Centro de Saúde de Cerceda en 1990, e a “Copa do Sol” en 1994, para o Parque Escultórico da Torre de Hércules, da Coruña.

A Xunta de Galiza, co gallo do “Xacobeo 99”, encárgalle a escultura “Vieiros de seu” instalándoa na Praza de San Domingos en Lugo, na mesma data, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, solicítalle o deseño para realizar os premios AGAPI, 1999.

No 2000, explora un novo vieiro reutilizando parabrisas de automóbiles e camións no seu traballo, introducindo deste xeito, o obxecto real ou manipulado na obra. Estas pezas mostraranse por vez primeira na Galaría Atlántica, ao tempo que, a Fundación Arte y Derecho no 2001, concédelle unha axuda económica para seguir experimentando e desenvolvendo o camiño iniciado.

Na mesma época, e convidado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, a un encontro cos alumnos para mostrar a súa obra e reflexionar sobre, espazo de traballo e vivenda, baixo o título “Fotografía e Escultura/ Obra e Programa”.

A finais da década anterior e desde a Asociación Galega de Artistas Visuais (AGAV) inicia unha etapa de compromiso en canto á política cultural e social do artista, que desenvolve no 2001-2003 ao formar parte da Comisión Executiva.

Por mor da desfeita ecolóxica que aconteceu no 2002 nas costas galegas polo petroleiro Prestige, causando gran conmoción social, intégrase dun xeito activo en Burla Negra, (brazo cultural da plataforma cívica Nunca Máis) onde pon en práctica, coa implicación de artistas e cidadáns, accións artísticas reivindicativas, a prol do medioambiente.

A mediados do 2004 contribúe, con outros artistas, a creación do grupo editorial Anotarte, editando desde Galiza con ámbito nacional e internacional, o periódico da arte e cultura baixo a cabeceira de Artnotes xa existente en Nova York.

No 2005 a petición do MOPU, proxecta e executa a escultura “Remando cara o vento” ubicada en Neda, Ferrol, ao tempo que presenta en Madrid a exposición “HORIZONTES DUN TEMPO. Revisando unha época 1984-1990”, con obras que pertencen as series, “ferroetecido” e “tecido e tensión”.

No mesmo ano dirixe os obradoiros: “Movemento e traxectoria” (provocado polos elementos naturais), nos que explora novos vías de expresión a través de obras e accións efémeras na natureza, empregando para iso, grandes cristais reciclados sobre unha Marisma. Tamén en “Transferencia e desprazamento” (provocado pola intervención/acción do home) utiliza elementos orgánicos como vides recicladas para a transformación dun viñedo, potenciando unha idea de baleiro, e simbolizando con isto, a constante emigración galega. As dúas actividades desenvolvéronse dentro do curso A PAISAXE REINVENTADA, obradoiros de Land Art, no Pazo de Mariñán, da Deputación da Coruña.

Outro dos obradoiros,”O mar; continente e contido”, no que obxectivo foi a observación e reflexión sobre o home e o medio, coa intención de chegar máis tarde, a un feito creativo. Actividade realizada para o “taller de artista” do Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (MACUF), en A Coruña.

A comezos do 2006 o Centro de Formación e Recursos de A Coruña convídao como conferenciante ao curso “Aproximación ao Land Art. A creación artística “en” e “con” a natureza” para falar da súa experiencia e resultado persoal e profesional no obradoiro de Land Art, que impartiu no Pazo de Mariñán, presentando para esa ocasión, os vídeos documentais das dúas intervencións levadas a cabo en dito obradoiro.

A mostra titulada “Mayday” no 2007, e unha experiencia que pretende aportar novos elementos ao debate público, partindo de obras que falan do territorio, da emigración, e da memoria colectiva. Son pezas elaboradas a través de materiais industriais preesixtentes, que conteñen marcas e datos semellando situarnos intencionadamente, nun presente continuo.

Colabora con dúas instalacións especificas no Cantón Grande, para unha campaña sobre consumo responsable, convocado e dirixido polo Concello da Coruña.

En xaneiro do 2008, foi premiado no concurso de ideas para realizar o Monumento as vítimas do Portiño, promovido dende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña e o patrocinio do Ministerio de Presidencia. Trátase dunha obra construída con aceiro cortén, chumbo e luz, simbolizando o acontecido no intento de fuxida dun cento de persoas polo mar do Portiño, por mor da represión franquista.

Deseña a escultura institucional para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d´A Coruña.

No verán do 2010 realiza unha ampla exposición retrospectiva “De onte para mañá” no Pazo de Exposicións Kiosko Alfonso, na Coruña. A mostra e unha escolma de pezas significativas e vídeos documentais de obra efémera e pública, na que reflicte a evolución dende a pintura até un certo conceptualismo no que a terra, o ferro, o cristal e o compromiso social marcan a súa obra.

“Mulleres muro” 2011, e unha homenaxe simbólica a un grupo de mulleres que, nos anos máis represivos do franquismo, ían as portas do Cárcere da Coruña para impedir o paseo dos presos políticos. Instalación realizada para o Proxecto Cárcere.

No Ferrol con Radio Buguina no 2013, realiza “Carga de Dignidade” acción e instalación de denuncia artística popular, na reixa de Navantia.

Segue a impartir diversos talleres: un destes, “Ollada de Brocos”, 2016 (no Museo de Belas Artes da Coruña), toma como fío condutor ao polifacético escultor, poeta e músico galego Isidoro Brocos. O feito creativo (autentica obra de arte), forxouse nun roteiro pola cidade …, cuxo resultado descriptivo plasmouse nunha instalación e un audio visual. Parte da banda sonora do vídeo é a composición “Muiñeira para piano, A Coruña 1910” escrita polo artista, editada por Galanobradoiro para esta ocasión.

Entre proxectos escultóricos, intérnase no mundo da imaxe en movemento, editando e producindo dende Galanobradoiro, vídeos que en moitos casos, son documentos que amplían anteriores traballos.

Estes documentos videográficos coa súas maquetas ou esculturas relacionadas, forman en cada caso, unha sola obra, compartindo espazo con corenta obras máis en itinerancioa por Galiza. Todas son exhibida baixo o título xenérico A volta dunha ausencia, engadindo neste proxecto, a instalación Lume e ferro, a produción queimada, na Fundación Luís Seoane.

Actualmente traballa nos seus obradoiros da Coruña e Meirás, Sada, desenvolvendo obras de grandes dimensións, especialmente con metal e cristal.

Botón volver arriba