Textos

Está en: Inicio - Textos

 Contra as inclemencias dos tempos

Camilo Franco. (Catálogo, Mayday 2007).

Hai tantos días nos que as cousas ideais parecen estar a dous pasos dun que o raro é non facerse con elas. Non botar man das súas posibilidades ou non utilizalas como referente iconográfico, como sublimación gráfica. Hai días así, atravesados por certezas ficcionais que semellan das outras, marcados por unha claridade que Walter Benjamin non acabou de identificar e que quizais o cubra toda de certezas que unha ollada convencional non transcenda. Quizais todo forma parte do engano da perspectiva que, seguramente, é esa posibilidade de que todos miremos o mesmo pero ninguén vexa nada igual.

Hai días tantos días nos que as cousas ideais parecen estar a dous pasos que o raro é non tocalas. Pero quizais non podamos porque este tamén é un efecto da perspectiva ou porque a transparencia é unha dimensión que, agás os poetas, todo o mundo está disposto a aceptar que nos distancia. Así que vamos conformando un mundo próximo pero remoto, despregado para ser admirado cinematograficamente como se a dimensión do tacto, a terceira, non tivese dereito a existir. É entón, mentres ollamos na distancia o verdor cinguido, cando se apreciamos o golpe no parabrisas e a perspectiva cambia e quedamos advertidos do perigo porque, sen rachar o cristal, xa sabemos que é precisa outra forma de mirar. The dream is over.
En moitos sentidos esta obra de Pepe Galán xoga coas maneiras de mirar alén da súa operatividade inmediata. Parece lóxico que un artista propoña un cambio de foco, que advirta que por debaixo da ollada cotián hai outras posibilidades. É menos habitual que o artista especule coa evidencia de que sempre miramos a través de algo e que ese intermediario inevitable non é material neutro. O xogo non é estético nin sequera por esa apropiación dun material tan sofisticadamente tecnolóxico, tan marcado polo uso. Mesmo tan bastardo desde o punto de vista artístico. Non é estético incluso cando a potencia das cristaleiras penduradas distribúen finos xogos de luz. Non é estético porque para un artista a estética está asumida. É un xogo de mensaxes, de crónicas sobre ese presente continuo que nunca acabamos de abandonar. É tamén un diario de avisos sobre cantas cousas permanecen agachadas entre as normalidades de cada día.

Podería ser un fino combate dialéctico con revoltas estilísticas ou unha estudada revisión de ata que punto, como dicía Barthes, cada cousa require unha ciencia singular que a analice. Desde cada unha destas perspectivas, con cada unha destas interpretacións queda sempre pendurando unha conclusión marcada: o que nos protexe é o que nos condiciona.

Esta é unha circunstancia definitiva porque na obra de Pepe Galán hai de sempre unha vontade de interpretar que non se conforma coas liñas cartesianas do espazo. É unha decisión inqueda de transformación, de aportación ao discurso público, de engadir argumentos alá onde os espectadores quizais só agarden formas. Un xeito de operar que no pasado levou a Galán a deixar a pintura no sentido máis convencional e sairse das paredes.

A mesma vontade de transformación que alimentou o cambio do proceso escultórico cara a manipulación de materiais preexistentes. Un cambio que, entendido con perspectiva secuencial, é o cambio do discursivo polo dialéctico, do monólogo polo diálogo. Un cambio operacional que ben podería ser un xeito máis de cambiar a teoría pola praxe, a contemplación pola intervención. A transformación tamén podería ser entendida como unha combinación de formas que procuran unha perspectiva da comprensión.

De recuperalo todo sumando os feitos máis a súa interpretación. E esta é unha singular maneira de sinalar ao espectador que case non é posible, en Occidente cando menos, disociar os acontecementos das interpretacións que se fan deles. Así que o artista está obrigado a interpretar para participar sen falsa inxenuidade no discurso público. É un xeito de intervención no espazo con vontade de ocupación histórica, outro reclamo para espabilar territorios adormecidos.

Hai un reclamo contra o presente e algunhas das súas urxencias contra o esquezo. É outra forma de dialéctica contracorrente, teimuda e comprometida. A contracorrente porque agora mesmo a dialéctica predominante é a da recuperación e asimilación. Propón a capacidade de encaixe como método de defensa e o revival das linguaxes anteriores para que sexan educadamente adaptadas ao presente. Na obra de Pepe Galán pesa moito máis un concepto lento, consecuente e lóxico: a decantación. Un proceso no que cada cousa ocupa o seu lugar de xeito menos arbitrario que na actualidade, de maneira que a súa interpretación estea menos pervertida polo peso do inmediato. Porque o artista explica con contundencia que o presente ten a transparencia rota.
Hai marcas do tempo que se miran e hainas que se aprecian. O percorrido entre as dúas ben podería ser sensorial e memorístico: outro proceso de decantación que non evita aquelas cousas do irracional pero axuda considerablemente a entender cada problema na súa dimensión máis sensata. A memoria decanta pero non é científica. Por iso a obra de Galán está máis afortalada pola razón que pola memoria. É máis unha obra de acción que de refresco e por isto o artista reta ao espectador a entender, a xogarse a interpretación sen esperar a resposta establecida.

Non estou moi seguro que a memoria funcione en espiral. Nin sequera estou seguro de que funcione de maneira algunha. Pero está aí. Como unha cometa nerviosa. Para Pepe Galán a memoria é un asunto de todos. A memoria somos todos, se vale a frase retomada, e por iso o artista converte os datos en frecuencias e as coloca como columnas (podería dicir miliario, pero sería rebuscado e algo inexacto) porque en realidade son como xogos ópticos cos que ver a realidade que o presente tapa. Periscopios para achegarse a un xeito de volver sobre un pasado que segue vivo incluso na memoria menos emocional.

As figuras pechadas que describe o artista teñen datas e as inscricións non modifican o seu carácter se non que reafirma esa vontade de levar aos espectadores ao territorio da ocupación histórica. È obvio sinalar que non é un campo histórico académico ou profesoral. É o campo que quedou despois da catarse. Tanto que foi, tanto que é. Tamén polo paradoxo de que os colectivos sociais precisan decantar os sucedidos. Deixar pasar o tempo, volver a mirar. Como se o tempo fose unha lente. Quizais un cristal. Ou un parabrisas marcado por un golpe.

Vista con perspectiva a historia nunca é como nola contaron. Parece que está chea de datos e os datos teñen unha contundencia científica que máis que contar a verdade a transforma. A historia é outra ficción, pero é difícil convencer aos seus profesionais de ata que punto é especulativo o seu oficio. Metidos nestas fariñas fanse necesarios eses apuntamentos históricos que permitan ao espectador de agora (e ao do porvir -que palabra-) sumarse a reinterpretar os elementos. A volver sobre eles sen os bosque de datos pero coa precisión do representativo. Hai bosques e bosques. Uns arden e outros plántanse. Hai bosques que parecen contraditorios e son consecuentes. Como as maletas e esa sensación coherente de facer as maletas para quedarse, de preparar a mochila para combater aquí. Que tamén é labor histórico animar cara o paradoxo. A maleta é icónica. Está baleira do obxectos e chea de significados.

Por non ter, Galán conseguiu que non tivera valor de ready made porque entón aparecerían significados que nos levarían a outras estacións. Esta é a maleta do destino. Pero non se consolen pensando que é unha batalla do pasado. Está sendo aquí mesmo. Hai algo imprescindible neste traballo e ata deberiamos chegar á conclusión que, como sucede co ADN, é importante que todas as cousas leven a súa carga semántica.

Pero toda combinación de elementos artísticos está obrigada a conter unha interpretación metafórica. Pode ser que non estea obrigada exactamente e que só sexa un signo dos tempos que buscan en todo plus valías. Que sexa por leis de uso ou por marca de época, o certo é que a condición metafórica foi alimentando os discursos artísticos desde os últimos cento cincuenta anos.Tamén esta condición está presente na obra de Pepe Galán. En máis dun sentido e non sempre no sentido tradicional.

O cristal é unha metáfora líquida. Un signo cargado de semántica. Non sei se máis ou menos, pero un dos grandes signos contemporáneos. Atravesado pola poesía e pola construción. A utilización de un cristal tan industrial, tan marcado, non deixa de ter unha interpretación paradoxal. Dunha banda porque este é un cristal que resiste, que ten vontade de permanecer. Doutra parte porque ten calidade gráfica. Ten ese carácter que se pode relacionar cunha parte da obra de Galán: iconas de trazo breve, algo primitivo, sen intelectualización. Debuxo de cando o debuxo non quería representar nada pero quería expresalo todo. Eses riscos tan aparentemente azarosos sobre a superficie esnaquizada do cristal poderían ser outra forma de surrealismo, ou de realismo fantástico ou de virtuosismo do caos. Son todos porque chamamos azar a todas aquelas cousas das que descoñecemos as cousas e porque hai algo nesas liñas que lembran como debuxa a escuma a superficie do mar. Claro, desculpen a metáfora.

Pepe Galán encontrou entre os desguaces menos poéticos unha outra forma de contar cousas do mar. Que é transparente e duro. Que rompe pero non se dispersa. Que colga contra nós coma un espello sen gañas de entender de realidade convencional. O artista trata estas imaxes sen ánimo lírico e deste xeito a alusión sae menos falsa. A metáfora vólvese símil e comeza o mar a parecer outras moitas cousas menos domesticación ou liña de costa, ou auga para táboas de surf. Porque hai xogo en case todas as cousas que valen a pena e ninguén xoga na guerra. Este é un xogo de ir contando fragmentos de mar porque, se nos deixamos levar pola literatura, contén todas as metáforas posibles. Pero tamén é un xogo de forza, de potencia visual e de capacidade narrativa. Un xogo de dialéctica no que as cousas que a sociedade produce, utiliza e rexeita volven para explicar seguen aquí para protexernos de inclemencias diferentes ás do tempo. Permanecen para explicarnos. Como o mar, máis ou menos.

 

Hermetismo e tensión. Pepe Galán ao lonxe.

Xavier Seoane. (Catálogo, Horizontes dun tempo. 2005).

…O feito é que lindando o ano 1984 Pepe Galán se encontra navegando xa polos velames dos tensos lenzos brancos. O fiat da escultura producírase. O lenzo plano demandara tensión, e este impulso aprehendera espazo, nunha especie de metástase en que o lenzo se avolumaba creando unha espacialidade envolta sobre si mesma.
Esa expansión extrovertora deixoulle nas mans unhas pezas que, nos seus inicios, sobre unha peaña de ferro, erguían formas esveltas e curvas, non exentas dunha certa sensualidade, pero tampouco de tensións problemáticas contidas, que se amosaban como formadas “desde dentro”, como emanadas de forzas interiores, creando ritmos propicios para o xogo de luces e sombras, para unha aprehensión volumétrica do espazo traducida en expresiva e plástica obxectividade.
Procuraban unha fonda estrañecer no espectador eses inéditos velames, ese arados imposibles ou quillas irreais, esas anatomías irredentas, preñeces tensas ou fantasmagorías organicistas e modulables que unha imaxinación entre poética e perturbadora liberaba a partir desa enigmática interioridade que se mantiña no punto límite do xogo, nun equilibrio extremo entre tensión e contención, violencia e liberdade…

Os cristais do naufraxio.

Juan M. de la Colina. (Catálogo, para-brisa. 2001).

…Xigante e o cambio que ollei no seu estudo, fai un par de meses, cando Pepe Galán ultimaba esta exposición. Co título xenérico de para-brisa, Galán decantouse hoxe polo cristal. Cristal procedente dos para-brisas de turismos, autobuses ou camións, que veñen tanto dun desguace, como do cristal rachado pola desafortunada pedra ou a infortunada testa dun accidentado. ¡Son cristais do naufraxio!, pezas hiperreais, xélidas e terríbeis que remítenos a un mundo posindustrial e descontextualizante, pero tamén a nosa Fisterra interior. do «sublime».
A gran audacia de Pepe, consiste na leve intervención. A obra e instalada no espazo, agora como superposición de cristais, agora encumbrada sobre pedestal de aceiro. Ou convertida nun verdadeiro encaixe translúcido, ao sometela a novos «estalamentos». Paradóxicamente, estas obras máis que acercarse a os ready- made de Duchanp, remítenos ao Novo realismo3 na súa estratexia de atopa-la abstracción a través do suxerinte da realidade mesma, onde a intervención do escultor e, aínda que atrevida, escrupulosamente respectuosa co obxecto…

Pepe Galán.

Bernardo Castelo. (Catálogo, Fendas e ancoras no vento.1997).
…Foi nese preciso momento cando fixo a súa aparición un novo material: o aceiro cortén que, sen deixar claro se se incrustaba ou se brotaba con naturalidade do fondo, irrumpía nas tersas superficies do lenzo atestadas de baleiro. Fendas e Ancoras no vento.
A aparición do soporte paradigmático da escultura contemporánea anunciaba o que vai ser o novo estado conceptual de Pepe Galán, capaz de identificar o seu traballo dos noventa e que só o somerxía nun material escasa e recentemente común a un pequeno sector da escultura galega, senón que o empurraba cara procedementos diferentes: o seu uso exclusivo –do seu traballo desapareceron entón a madeira, o lenzo ou calesquera outras alusións pictóricas-; a soldadura como técnica, o soprete como instrumento común en procesos antinómicos como o corte e a unión, o baleiro como contrapunto da superficie férrea e por derivación a inmersión na tridimensionalidade real.
O aceiro cortén en mans de Pepe Galán propiciou, ademais o plantexamento de novos termos poéticos: diferentes criterios de interacción e de lugar; o sinuoso como posibilidade; a oxidación como cromatismo, ou a escala (de novo a vocación monumentalista), e a través dela a redefinición dos termos de relación entre o obxecto escultórico e o seu entorno). En definitiva un retorno a linguaxe abstracta traspasada agora por unha forte carga lírica: a do encontro entre o xeometrismo do aceiro e o vibrante da luz e o aire, entre o enchido e o batido. Todo isto presente no fragmento desta exposición que ven se podería interpretar como fendas.
O outro fragmento, o de Ancoras no Vento, ven dado pola, de novo arriscadamente experimental, proposta última de combinar un soporte imposíbel tanto para a pintura como para a escultura, o plástico de envurullar, cun estado de metal igualmente improbábel: pulverizado. Ambos os dous dando forma a unha anti-forma paradóxica: a Pintura que non é; a escultura que tampouco….

Tras uns inicios…

Rosario Sarmiento. (Catálogo, Fendas e ancoras no vento.1997).

…Mais neste camiño de dualidade, que foi e hoxe segue sendo perfectamente asumido, Pepe Galán desenvolvese con grande axilidade.
Nas súas esculturas, utilizando o ferro como material e aplicando tensión e ritmos ondulantes, consegue uns resultados de referencia case arquitectónica, recipientes e contentores que nos falan dun sentido acumulativo da memoria, o externo e interno do ser e a existencia. Ao mesmo tempo na súa obra bidimensional, Galán contando coa tensión que o soporte-tela encerra, aplica o mesmo material que en escultura, o ferro, que na súa dureza e hermetismo é sometido tamén a un xogo de volumes e formas ondulantes.
E esa dualidade de medios segue sendo unha constante nesta exposición individual da Galería Pardo Bazán: medio escultórico e soporte pictórico –agora moito máis grande no seu formato., ferro e plástico, formas angulosas, ondulantes, recias e fortes, grafismos sutís e sobrios sobre a transparencia grisácea e moldeábel.

Galán é escultor, faise coa materia dura, confire as laminas de ferro coas que traballa un xogo de volumes e formas angulosas, ondulantes, cunha tendencia a organizalos arquitectonicamente nun sentido centrípeto, a penas abertos ao exterior. Sobrias austeras, as esculturas de Galán quizais “falarían” menos se non tivesen xunto a elas o contrapunto da súa obra “pictórica”. En amplos formatos enmarcadas en ferro, o fondo grisáceo e transparente, austero, do plástico enriquécese cunha linguaxe de grafía rotunda, utilizando o po de ferro como unha materia que, grosa ou fina, percorre o soporte con ritmos moi elaborados, que ao mesmo tempo nos producen unha sensación de espontaneidade, de forza e solidez…
Tensión e Correspondencia.

Xulio L. Valcarcel. (Catálogo. Pepe Galán, esculturas 1987-1990).
Latente tensión de forzas interiores que pulan en expansión permanente, que se esforzan en romper, en aparecer cara ao exterior, é a primeira sensación que percibimos ao contemplar as esculturas de Pepe Galán.
Límpidas superficies requintadas na fría asepsia cuase industrial do soporte que as vertebra e lles da forma.
Correspondencias neses envoltorios, como paquetes sorprendentes ou vultos imposibles, enigmáticos na súa incertidume, que non refiren ningunha mimese da realidade, senón que se limitan a suxerir, a manternos a expectativa.

Xanelas sen ollos, pulcros teares que esconden unha estructura metálica que produce o relevo pero que vai máis alá e nos conturban cunha inquedante pregunta.
A impresión de empaquetado e máis notoria naquelas pezas nas que a estructura férrea, o esquelete, está por fora oprimindo a masa informe, orgánica. Vísceras visgosas configuradas polas propias pranchas e tiras de aceiro que as sosteñen, puxan por estenderse, esparramarse, por liberarse.
E o aceiro, tan presente na obra de Galán coa súa textura, coas súas combinación de luz e de xogos de sombras, coa particular pigmentación que o tempo lle vai imprimindo: “oxidosoidade, oxidodestrucción, oxidodolor frío, anónimo.

Tensión e correspondencias. Violencia e Serenidade, harmonía nacida do equilibrio da tensión de forzas que se neutralizan, que se corresponden, que impiden a rotura e a rebelión. Un estado de angustia que subxace, que está presente sen esta-lo, sen manifestarse aparentemente.

Obra de fondo eminentemente conceptual, de profunda reflexión sobre a materia, sobre o espacio e a luz, a obra de Galán é, ademais, unha metáfora en si mesma…

Volver Arriba
http://buyessay.science/8.html http://buyessay.science/10.html http://aresumetemplates.com/5map.php http://essaywritinghelp.top/sitemap-15.php