Jannah Theme License is not validated, Go to the theme options page to validate the license, You need a single license for each domain name.

Pepe Galán: resistindo Daniel L. Abel. -Tempos Novos, Nº252. revista mensual-2018.

A volta dunha ausencia

Artista: Pepe Galán

Centro Torrente Ballester, Ferrol (até o 20 de maio); Fundación Luís Seoane, A Coruña (até o 20 de xuño); Museo Provincial de Lugo (do 5 de xullo ao 30 de agosto); Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense (do 6 de setembro ao 30 de outubro)

“A realización dunha obra de arte é un proceso histórico máis entre outros actos, acontecementos e estruturas; é unha serie de accións en e sobre a historia”. Así se expresaba T. J. Clark na introdución ao seu libro Imagen del pueblo. Gustave Courbet y la revolución de 1848. O coñecido historiador social da arte afondaba nos precedentes que levaron ao fundador do realismo pictórico a participar, supostamente, no derribo da napoleónica Columna Vêndome, no contexto da Comuna de París de 1871. O material dunha obra de arte pode ser o conxunto de ideas, imaxes e valores dominantes nun determinado momento (a “ideoloxía”) pero, segundo Clark, “a arte traballa o material; dálle unha forma nova e, en determinadas ocasións, esta nova forma é en si mesma subversiva da ideoloxía”.

Pepe Galán (A Coruña, 1955) leva case corenta anos poñendo a proba combinacións materiais e conceptuais non sempre congruentes. Na busca de inéditas formas e texturas que interpelen á nosa tensa relación co mundo. O proxecto A volta dunha ausencia, iniciativa do propio artista, é un convite xeneroso a ver os artefactos que xorden do seu obradoiro tras unha especie de parada técnica. Un ciclo de mostras en diferentes espazos do país despois duns anos de paréntese na produción de obra pero nos que Galán non deixou de aprender e de argallar, como xa fixera con Burla Negra e Nunca Máis trala ferida aínda supurante do Prestige, “accións artísticas populares”.

A peza que recibe aos visitantes da exposición no Centro Torrente Ballester, en Ferrol, consiste nunha serie de pranchas metálicas que levan adheridas parabrisas estalados. Penduradas por arames no límite das súas posibilidades, os vidros manteñen a forma grazas ao laminado pero incorporan á súa textura a violencia dos impactos recibidos. Calquera vibración converte esta especie de colgadoiro nun emisor de paisaxes sonoras; unha referencia máis ao ruído da industria pero tamén ao ruído branco, sempre presente, do mar. Frecuencias de intensidade variable que lembran a conexión íntima entre o cultural e o xeográfico. Na última sala do percorrido, o proxecto Carga de dignidade, unha sorte de escultura social realizada no 2013 en colaboración coa cidadanía ferrolá na reixa de Navantia. Polo medio, harmonías complexas que confrontan o aceiro cortén das pezas dos anos noventa e primeiros dous mil cos seus experimentos máis recentes: cartón, licra, arame. Os procesos antes industriais fanse agora transparentes, lixeiros e minuciosos. Delicados bodegóns dispostos no que o artista chama unha “mesa Da Vinci” e que, coa súa serie Angurias (2018), chaman a feminizar e decolonizar as referencias, desviar a atención dos pesos pesados da escultura (Richard Serra ou a Escola Vasca).

A instalación no patio da Funcación Luís Seoane da Coruña reflicte o seu compromiso cos propios procesos e condicións dos e das artistas. O dilema entre ancorar un sentido, instalarse na lóxica recorrente da madurez creativa, ou soltar amarras. Pepe Galán tira para diante queimando as naves, a pira monumentalizada dos restos da súa produción anterior. Ideando unha lumeirada para quitar o meigallo, desta volta, do sistema e a historia da arte en Galicia.

  

Tempos Novos, Nº252. revista mensual-2018.

Deja una respuesta

Botón volver arriba