Jannah Theme License is not validated, Go to the theme options page to validate the license, You need a single license for each domain name.

Esculturas de Pepe Galán. CADERNO ABERTO, Miguel Anxo Fernan Vello.

Expón a súa obra recente o escultor Pepe Galán no centro de arte coruñés Atlántica e a contemplación do seu traballo creativo prodúcenos, nunha primeira visión, algo semellante ao que sentiu Eugenio Montale na súa visita ao taller de Constantin Brancusi: o encontro coa catástrofe, unha proposta artística -matizaría, asombrado, o poeta italiano- que aspira a unha humanidade capaz de crear grandiosos símbolos formais (arquetipos plásticos, diría eu) e que sabe fundir, como acontece en Brancusi, o principio ético e o principio estético nunha mesma cousa. A exposición coruñesa de Pepe Galán leva por título Mayday, e xa saben vostedes que este termo é na súa forma imperativa un código de emerxencia utilizado internacionalmente como chamada de auxilio, notificación de accidente ou -velaí a fonética dramática do sinal radiotelefónico- inminente perigo ou catástrofe. E é ben sabido que Pepe Galán -agora xa, sen dúbida, un dos grandes escultores do noso tempo- participou activamente no colectivo de artistas denominado Burla Negra; berro e acción, ética e estética, diante da negrume traída, lembrarano vostedes, polo Prestige. As obras escultóricas que podemos admirar hoxe do artista coruñés parten precisamente dunha experiencia de intervención no centro da polis, no corazón do público, e proxectan sobre nós, entre a mudez tensa e rexa do metal e a anguria líquida do vidro, os pálpitos escuros da materia, os signos da catástrofe, a denuncia da perda (entre a morte e a resurrección), o silencio mudo da emigración, a idea dun baleiro construído como percepción e vivencia do misterio vital e un forte sentido da memoria social ou colectiva que o artista eleva a categoría de poética das formas no sentido máis puro. Xulio Valcárcel falou, referíndose a Pepe Galán, dunha «latente tensión de forzas interiores que pulan en expansión permanente» e eu vexo na obra do escultor coruñés -excelente demostración de poder creativo- unha lucidez dramática extraordinaria e a revelación estética  do asombro.

GALICIA HOXE 24.07. 2009

Reportaxe. A Nosa Terra.. Pepe Galán expón «Mayday», Galería Atlántica.

Entrevista. Localia TV 2009. Mayday, Galería Atlántica.

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Botón volver arriba