Jannah Theme License is not validated, Go to the theme options page to validate the license, You need a single license for each domain name.

A LUZ DA METÁFORA: A OBRA ESCULTÓRICA DE PEPE GALÁN. Iria-Frine Rivera Vázquez. LUZES nº55, 2018.

O longo paseo entre as delicadas transparencias, sombrías, das esculturas de Pepe Galán conmove os ollos. Das esculturas pictóricas de dimensións ópticas e binomios cromáticos as obras atmosféricas que xogan entre vermello coral, rosa soñador, azul espumoso e verde bucólico, observase unha calidade orgánica, dramática, sutil e hipnótica. O artista traballa a percepción das figuras, a diversificación visual ou a liberdade cinética, contendo un eco de Marcel Duchamp ou Leopoldo Nóvoa. Ten unha linguaxe formal propia, que incorpora dende un estilo xeométrico-abstracto ata o Ready-made. El elabora pezas nas que as mans veñen a experimentar con lirismo a concepción plástica. Ou, como xurdiu durante unha conversa entre os dous, “escribir coa forma”.

O modelado de moitas das súas esculturas están construídas mediante estruturas no interior. Pintadas dunha limpa cor branca, disponse sobre elas unha rede infinita, feitas cun tecido en tensión que espácese ata os contornos ondulados afirmados dende o corazón da peza. O seu concepto é o da escultura pictórica; a idea tradicional da escultura como unha obra de vulto redondo vese ampliado, pois as súas texturas proporcionan un fenómeno espacial abstracto. Nelas a concatenación de círculos, de superposicións, de puntos de intersección, impulsan unha transformación constante. Unha característica debida a sucesión de planos que interactúan e as grandes variacións das liñas e dos cadrados que conforman o tecido, e que so complétase na relación entre o espectador e a obra. As fracturas viscerais que presenten ou a súa sobriedade invernal non impide ler a súa fantasmal harmonía e intelixencia, dunha elegancia clásica.

A capacidade espontánea do espectador de experimentar a obra de Arte é a que permite observar o funcionamento da composición. Existe unha complexidade na economía de medios, na que empréganse obxectos recoñecibles e domésticos, prendas de vestir ou mobles. O artista emprega vidro refráctante, brillante metal, plástico, tecidos diáfanos, ferro expresionista, aceiro, madeira e cartón de contraste. (No seu taller ten grandes estantes con baleirados de xeso como probas, bustos de granito e barro, obras colgadas nas paredes ou dispostas sobre pedestais e mesas, grúas, máquinas de corte de ferro e unha biblioteca. Un espazo propio no que pensar e madurar con coidado as obras). Pezas como tubarias de ferro ou niños de aramio son empregados tomando como punto de partida que o propio material ten, na súa sensibilidade glacial, unha precisión clínica, unha forza, unha tanxibilidade como obxectos industriais. Pero tamén o cálido, a imaxinación e o catártico, na súa espiritualidade e inspiración, como froitos artísticos. Constitúen un rico e fermoso plano de quietude.

O tratamento do material e o concepto da forma, sobre todo en cilindros, dan como resultado unha xeometría sinxela, cíclica. O seu ton cerebral, de transicións fluídas, da resposta ao enfoque sónico do Futurismo. Pero resulta mais enigmática. Os vivos bodegóns bulbosos, as esculturas suspendidas, os vidros estragados, as multiformes superficies de cartóns, os aramios flotantes e as espertas placas de ferro irradian unha presencia real, poderosa e masiva. E son a cor e a luz as que fan vibrar as obras. As texturas son lidas dende nos orixinais tons grises das superficies lisas, cun suave brillo, ata na penetrante cor amarela que esperta do negro nocturno das esculturas. As doces luces primaverais, ledas e etéreas de led fanas evolucionar en canto a profundade e movemento. As texturas cremosas e formas ricas existen como tal grazas a súa plasticidade, pero elementos como a luz coloreada as inmersa de esplendor, como se estivesen abrazadas polo aire.

Angurias, Encaixe ou Mesa Da Vinci son obras alimentadas co paso dos anos. As esculturas de Angurias foron realizadas como unha canalización das reaccións do artista ante as novas escoitadas na radio sobre a situación das mulleres. A introdución de materiais como medias serve de expresión da personalidade feminina que se desenvolve arredor das obras. A súa mirada agudizada polas cuestións sociais e políticas é a xénese de vídeos como Mulleres Muro ou Carga de dignidade, que vense proxectadas xunto a instalacións con prendas de vestir -botas ou o mono de traballo do artista- e que son a raiola dunha conciencia. As súa produción artística non é un narcótico. As esculturas escritas de May Day xurdiron a raíz de Nunca Mais. Son obras que transmiten unha consciencia, a valoración e análise de feitos que confrontan a existencia. O seu contido é dun estímulo natural, na que altérnase entre o racional e o emocional, entre o intelectual e o íntimo. É a melodía continua destas obras e o seu significado, como sementes artísticas, é a abrir as mentes para escoitar non so a voz do mundo senón a dun mesmo.

Iria-Friné Rivera Vázquez

Revista LUZES, Nº 55, 2018.

  

Reportaxe. TVG, Zig Zag. As recentes creacións artísticas de Pepe Galán, despois dunha ausencia.

Catálogo (galego), A volta dunha ausencial 2018, Ferrol.

Deja una respuesta

Botón volver arriba